Dando a coñecer o noso mar

Fishernet

A nosa confraría participa no Programa Fishernet, que ten por obxectivo crear unha rede europea que permita conservar, divulgar e poñer en valor o patrimonio cultural das comunidades pesqueiras.

O programa, aprobado pola Unión Europea en agosto de 2008, ten unha duración de tres anos, e agrupa a comunidades pesqueiras de Galicia e doutros cinco países europeos: Islandia, Noruega, Escocia, Chipre e Bulgaria. Por Galicia participan as comunidades de Lira, O Pindo e Muros, representadas polas súas confrarías de pescadores, ademais da Consellería do Mar, a Consellería de Cultura e Turismo e Cogami (Confederación Galega de Minusválidos).

O proxecto nace da preocupación das comunidades pesqueiras nel representadas, pola situación de risco na que se atopa o patrimonio pesqueiro, consecuencia dos cambios estruturais, sociais e económicos que afectaron nas últimas décadas á actividade pesqueira en Europa.

Fishernet elaborará un estudio sobre a situación actual do patrimonio cultural pesqueiro en toda Europa. Organizaranse seminarios coa participación das persoas que forman parte das comunidades pesqueiras, así como reunións con expertos, co obxecto de recoller recomendacións que poidan ser de aplicación. Integrará tamén a realización de programas culturais no que participen escritores, artistas plásticos, músicos e representantes doutros ámbitos da cultura.

Xunta de Galicia - Conselleria do Mar

Confraría de Pescadores de O Pindo
O Pindo (Carnota) · A Coruña
© 2010 Pindo Mariño · info@pindomarino.org